O PSOE aproba o rescate do Concello de Cuntis e as medidas do plan de axuste

Os Orzamentos Xerais do Estado para este 2022 gardaban unha medida adicional para aqueles concellos que superaran os 30 días que marca a lei no Período Medio de Pago a Provedores e que acumulen facturas pendentes de pago. O Concello de Cuntis multiplica por máis de dez ese límite e sitúase en 323 días (a decembro de 2021), acumulando facturas pendentes de pago dende 2007, aínda que o groso da débeda xérase a partires de 2017. O Ministerio de Hacienda obriga ao Concello de Cuntis a adherirse ao fondo extraordinario de pago e imponlle un Plan de Axuste con medidas que afectarán aos veciños e veciñas de Cuntis, a causa da nefasta xestión económica do goberno socialista.

Documentación

 

Aínda que o Alcalde tratou de presentar en días previos o rescate do Concello de Cuntis e a súa intervención case como un logro e como algo positivo, tratando de esquivar responsabilidades, o certo é que esta lamentable situación non fai máis que certificar a incompetencia do Señor Campos e do seu grupo. O pasado luns, en convocatoria extraordinaria, o PSOE aprobou a adhesión ao fondo de rescate e o Plan de Axuste que se nos aplicará aos veciños e veciñas de Cuntis xusto cando máis estamos a padecer as consecuencias da escalada de prezos, da inflación e dunha crise económica que nos leva a situacións moi complicadas.

Plan de Axuste

As medidas presentadas son as subas do IBI, do IVTM, dos valores catastrais, o cobro á hostalaría pola colocación de terrazas e o cobro polo servizo municipal de emerxencias. A cambio, no apartado de recortes, o PSOE non contempla ningunha diminución dos seus gastos de propaganda nin en ningún outro tipo de gasto superfluo, e si prevé a redución de plantel municipal. Veciñanza oponse e votou en contra deste plan, xa que malia ser imprescindible, é un documento pouco serio, nada rigoroso, que estima cantidades, non determina prazos e carga excesivamente (por riba do resto da comarca) a presión fiscal sobre os veciños e veciñas de Cuntis cando había outras solucións xusto nun momento de altas dificultades económicas para traballadores/as, autónomos/as, pequeno comercio e pequenas empresas. O PSOE deixou sen pagar as facturas das súas campañas electorais financiada con fondos públicos e agora faranos pagar máis polas nosas vivendas, coches, motos, tractores… e á hostalaría polos seus negocios. O voceiro municipal de Veciñanza, Santi Martínez, explica o que supón este plan de axusto a partires do minuto 29:40 do vídeo.

Fondo de rescate

A adhesión ao fondo extraordinario de pago a provedores non contempla a liquidación total da débeda do concello de Cuntis, senón só aquela xerada ata o 30 de xuño de 2021 e tan só parte das facturas pendentes. Das presentadas, non foron aceptadas para incluír no préstamo extraordinario un total de 106 facturas por un importe que se achega aos 70.000 euros. Ademais, falta por contabilizar a débeda xerada no segundo semestre de 2021, exercicio que está aínda sen pechar. O Alcalde de Cuntis tratou de limitar a responsabilidade do seu goberno na acumulación desta débeda presentando esta adhesión como un recurso para liquidar facturas pendentes de pago dende 2011, como se esta fose unha boa escusa para explicar que en sete anos de goberno o PSOE decidiu non pagar nada. Para entender a responsabilidade do goberno socialista especialmente nos últimos anos podemos fixarnos na evolución da débeda da conta 413 nos últimos cinco exercicios.

EXERCICIO LIQUIDADO
IMPORTE TOTAL DA DÉBEDA
2017 179.687,17
2018 290.199,52
2019 585.162,99
2020 790.689,30
2021 (aínda sen pechar)
*fonte: Ministerio de Hacienda

O incremento da débeda no ano 2019 responde claramente ao abuso do PSOE de fondos públicos para a súa campaña electoral.

“Se acabó”

Mención especial hai que facer do comportamento exhibido polo Alcalde cando, unha vez máis, suprimiu a quenda de réplica cando a portavoz do Partido Popular se dispuña a intervir. Non é a primeira vez que o Señor Campos demostra un autoritarismo de corte machista realmente impresentable nas sesións plenarias. De xeito totalmente arbitrario negounos a palabra aos grupos da oposición berrando “se acabó” e impedindo responder á súa intervención. A arrogancia no comportamento e a mentira descarada na exposición converteuse en marca da casa do goberno socialista. Dende Veciñanza lamentamos, rexeitamos e condenamos estes comportamentos do señor alcalde, que nos nega a quenda de palabra aos grupos da oposición cando contradicimos a súa propaganda e criticamos a súa nefasta xestión. O Alcalde de Cuntis compórtase como se Concello fose da súa propiedade, como se os fondos públicos lle pertencesen e como se os concelleiros/as da oposición fósemos intrusos no seu curral.

Aprobación da moción para a rehabilitación do Parque de Maráns

Foi aprobada, cos votos a favor do Partido Popular e de Veciñanza, a nosa moción para a rehabilitación d’O Monumento (Parque de Maráns). Sorprendeu a abstención do PSOE, malia que o noso voceiro Santi Martínez lle recordou ao grupo socialista que a moción contiña un parágrafo extraído textualmente do programa electoral do propio PSOE. O Alcalde escudouse nun suposto proxecto redactado fai máis dunha década que nin veu a luz nin apareceu nunca en ningunha partida orzamentaria para non votar a favor da moción de Veciñanza.

Rogos e preguntas

Veciñanza preguntou sobre se o goberno municipal ten pensado, como anunciou, algunha programación para compensar a suspensión da Festa do Lacón. A resposta desgraciadamente non concretou moito e limitouse a informar de que se valoran “alternativas non concentradas nun só día” a partires do mes de abril.

A respecto da pregunta sobre o movemento dun ben patrimonial catalogado no entorno do Portelo de San Xoán (informado pola Plataforma Veciñal na Recuperación do Patrimonio Termal), o Alcalde unicamente confirmou que nin consta autorización para tal fin nin que dende o Concello se lle dese aínda traslado á Dirección Xeral de Patrimonio. Afirmou que estaban recompilando información e que se trasladaría por escrito cando fose posible.

Share

Tamén pode gustarche...